entrevista a granxa maruxa

Posted on 12:16







ENTREVISTA A MARTA, FUNDADORA DA GRANXA MARUXA

Durante a visita dos alumnos de Proxecto Interdiciplinar de 1º de E.S.O., un grupiño deles, os Amorodos, aproveitamos para facerlle unha entrevista a Marta, a fundadora da granxa.

P: Por que deixaches de vivir en Vigo e te viñeches a traballar nunha granxa de vacas? Dende cando levas traballando aquí? Por que unha granxa ecolóxica?
R: Levo dez anos aquí, dende o 2000. Viñen a Lugo a rematar a carreira de empresariais, pois me quedaban dúas asignaturas. Como meus pais tiñan casa aquí, pasaba tódolos días por diante da nosa granxa, que estaba arrendada naquel momento. Un día cruceime coas vacas que viñan de pacer e pensei que como me gustaba o campo, e o contrato de arrendamento estaba a piques de rematar, podía facerme eu cargo da granxa.
Reconvertín a granxa á gandería ecolóxica porque estou totalmente en contra do uso de pesticidas, herbicidas, transxénicos... que perxudican moito ao medio ambiente e á saúde das persoas.

P: Levas tí soa a granxa e a fábrica, ou tes socios? Cantos empregados hai en total?
R: Aínda que os primeiros anos estiven eu soa, agora somos dúas socias e tres empregados, é dicir, 5 traballadores en total.
P: Como se vos ocorreu a decoración da granxa?
R: Pois foi na época en que eu estaba aquí soa e traballaba sen parar, non podía saír de aquí. Así que foi para darlle un mellor aspecto e traballar nun entorno máis alegre e agradable para min e para a xente que me viña visitar. E porque sempre me deu moita pena o aspecto de abandono estético que teñen a maioría das granxas.
Agora teño en mente o proxecto “Arte na corte”, de montar exposicións de arte na granxa e tamén unha cafetería. Todo esto pode axudar a darlle máis vida e dignidade ao noso entorno rural.

P: Cantas vacas tedes? Cal é vosa media de producción de leite por vaca? Cantas hectáreas tedes en total?
R: Temos 55 en total, 25 en ordeño, e as outras son becerras ou vacas a punto de parir. Cada vaca produce entre 20 e 22 l diarios. Temos 20 hectáreas en propiedade e 5 arrendadas.

P: ¿En que se diferenza o coidado das vacas nunha granxa normal e nunha ecolóxica?
R: Na alimentación, que é natural, e na forma de vida das vacas. Pastan libres tódolos días, e dispoñen de moito espazo, de xeito que non viven estresadas nun espazo reducido como en moitas granxas intensivas. Ademais sacámoslles menos leite.

P: Usades moitos antibióticos para as vacas? Usades nitramón ou fertimón?
R: Non usamos apenas antibióticos. O máximo permitido polo C.R.A.E.GA. (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia) é de 3 ao ano, e só se hai enfermidade, non como nalgunhas granxas intensivas, onde hai un abuso dos antibióticos, que xa se lles administran de forma preventiva. Nós nin sequera necesitamos na maior parte dos casos recurrir a esas 3 doses anuais.
Non usamos nitramón nin fertimón porque as normas da agricultura ecolóxica non o permiten, xa que produce un crecemento moi rápido da herba porque acumula moita auga nos tecidos, non porque sexa herba de mellor calidade. Ademais causan problemas de contaminación das augas e da terra. Usamos abono ecolóxico granulado, procedente de restos orgánicos, amais dos nosos puríns.

P: Por que lle poñedes música ás vacas?
R: Porque as relaxa moito e hai estudos que indican que producen máis leite debido ao seu maior benestar.

P: Canto beneficio lle sacades a cada litro de leite comparando co que lle pagan a calquera explotación que produza para vender a unha empresa leiteira?
R: Aínda no sabemos a cifra exacta, porque levamos mes e pico vendendo as galletas, pero temos moi claro que calquera produto transformado sempre está moito mellor pagado que o leite.

P: Como munxides as vacas? Canto leite sacades en cada munguidura?
R: Con máquinas, na sala de munxir.
P: Botádelas a pacer?
R: Sí, tódolos días.

P: Canto penso lles dades? Que lles metedes na ración? Como facedes as racións, con carro ou manualmente?
R: Sobre 5 kg de penso ecolóxico ao día. Na ración tamén levan silo, aparte da herba fresca do prado. As racións facémolas manualmente. Eu persoalmente estou en contra de darlles a ración con carro mezclador (onde se lle xunta todo: silo, penso, e dáselle nunha única vez ao día), xa que os rumiantes deben cortar a herba no prado e comer e dixerir lentamente. Xa sei que así non producen tanto leite, pero afórranse problemas dixestivos.

P: Supoñemos que os problemas sanitarios son os mesmos que nunha granxa convencional. Neste caso, recortádelles moitas veces as unllas? Mórrenvos moitas? Que facedes con elas cando morren? Tedes problemas de mamitis?
R: Non, as vacas ecolóxicas teñen menos problemas sanitarios. Non lle temos que cortar as unllas porque as liman contra as pedras, xa que están por fóra tódolos días. Apenas hai problemas de mamitis porque como se lle quita menos leite, teñen menos “esforzo” e moitas menos probabilidades de ter mamitis que nunha granxa convencional.

P: Paren tódolos anos? Tedes moitas baixas nos partos?
R: Practicamente paren tódolos anos. Eu xa levo asistido a 50 partos e apenas hai problemas para que as vacas pairan soas, xa que ao andar ceives teñen a musculatura fortalecida e non teñen problemas para botar fóra o becerro. En todo este tempo non tiveron nin unha soa cesárea. Aínda que a gandería ecolóxica sí permite acelerar o parto tirando polo becerro con cordas, eu estou en contra e deixo que as vacas pairan soas. Tardan máis, pero sufren menos e non teñen desgarros que logo dan problemas á hora de empreñar de novo.
Temos moi poucas baixas nos partos.

P: Que facedes cos puríns?
R: Producimos pouco purín porque as vacas case sempre están no prado. Este botámolo nos prados, pero sempre controlando a cantidade axeitada para que non haxa exceso de nitratos que cause problemas de contaminación. Para iso temos un calendario de pastoreo onde imos anotando as cantidades que botamos, días que van pastar, kg de abono ecolóxico botado, etec. Ademais anualmente analizamos o solo.

P: Vendedes ben as galletas? A canto as vendedes? Onde se poden mercar?
R: Sí, véndense moi ben, a 4 a caixa e 6 euros a bolsa. Pódense mercar na propia granxa, en Lugo, (A Cova da Terra), Lalín, Melide, Arzúa, Santiago, Ferrol, Vigo, A Coruña, Barcelona...

P: Por que se vos ocorreu facer galletas e non outro produto?
R: Porque me lembraba das galletas que facía as avoas cando era pequena, gardando a nata do leite, e do ricas que estaban. E vin que en ningún sitio de Galicia se facían nin se vendían ese tipo de galletas. E porque só de vender leite non se pode vivir, xa que o litro está moi mal pagado. Penso que hai que diversificar as actividades, que vivir de varias cousas é máis seguro que vivir só dunha.

P: Que ingredientes lles botades ás galletas a parte da nata? Tamén son ecolóxicos? De onde veñen?
R: As galletas só levan nata, fariña e azucre. A fariña ven de Albacete e o azucre de Paraguay, e ambos ingredientes son tamén de agricultura ecolóxica.
P: Gústavos traballar na granxa e na fábrica? Cantas horas traballades ao día?
R: Sí, moito. O número de horas é variable, ás veces 8 e ás veces 10 horas ou máis.

P: Estades satisfeitos co voso traballo e forma de vida? Credes que se vive igual, mellor ou peor que nunha cidade?
R: Moitísimo. Creo que se vive mellor aquí, no campo, con máis tranquilidade e de forma máis saudable. A pesar de tódalas dificultades que pasei, agora vexo o resultado do meu esforzo iso é unha satisfacción enorme. Ademáis o campo necesita que a xente xoven se quede a vivir aquí. Por iso me gusta que veñades a visitarme para que vexades que é posible vivir no rural producindo alimentos sans e ecolóxicos e con ideas orixinais. E que cando se quere algo e un insiste moito, pódese conseguir, pero sen esforzo non se consigue nada.

0 Response to "entrevista a granxa maruxa"

Publicar un comentario