Entrevista aos encargados da Granxa Arqueixal

Posted on 11:51



Durante a excursión do Proxecto Interdisciplinar do 24 de marzo, un grupo de alumnos de 1º de E.S.O., chamados os Berenxenas, aproveitaron a visita a Arqueixal para facer unha entrevista a Luz, traballadora e nora dos fundadores da queixería Arqueixal.

P: Como se vos ocorreu a idea de fabricar produtos ecolóxicos? Canto tempo levades traballando na granxa?
R:Porque queriamos facer alimentos sans e respectuosos co medio ambiente. A queixería leva funcionando 20 anos pero a reconversión á produción ecolóxica fixémola no 2002.

P: ¿En que se diferenza o coidado das vacas nunha granxa normal e nunha ecolóxica?
R: Na ecolóxica non se utilizan praguicidas, herbicidas nin abonos minerais. As vacas teñen unha alimentación natural e teñen unha vida sen estres, pois saen a pacer e dentro da granxa teñen espazo para moverse, cousa que non sucede en moitas granxas convencionais.

P: Cantas vacas tedes? Cal é vosa media de produción de leite por vaca? Cantas hectáreas tedes en total?
R:Temos 30 vacas en produción e 15 becerros. A media de produción de cada va ca é de 5800 l ao ano. En canto ás hectáreas, temos 27.

P: Como munxides as vacas? Canto leite sacades en cada munguidura?
R: Munxímolas dúas veces ao día na sala de munxido, con munxidoras automáticas. Sacamos uns 250 l en cada munxidura.

















P: Botádelas a pacer?
R: Sí, tódolos días. Como dixen antes, na gandería ecolóxica as vacas teñen unha alimentación natural e unha vida sen estress, por iso van pacer diariamente.

P: Canto penso lles dades? Que lles metedes na ración? Como facedes as racións, con carro ou manualmente?
R: Dámoslles uns 3 Kg de penso ecolóxico. Na ración levan pasto, herba seca, silo, e silo de millo. As racións facémolas manualmente.

P: Supoñemos que os problemas sanitarios son os mesmos que nunha granxa convencional. Neste caso, recortádelles moitas veces as unllas? Mórrenvos moitas? Que facedes con elas cando morren? Tedes problemas de mamitis?
R: Nunha granxa convencional hai moitos e na ecolóxica poucos. As unllas practicamente non llas hai que recortar, xa que saen fóra a diario. (Os problemas de unllas aparecen cando as vacas están sempre pisando sobre cemento). Non morren moitas. Cando morren lévaas un camión, como ás normais.
De mamitis temos moi poucos problemas porque estas vacas non producen demasiado leite. Canto máis intensivamente produce unha vaca durante a súa vida, máis problemas de mamitis terá.

P: Paren tódolos anos? Tedes moitas baixas nos partos?
R: Sí, paren tódolos anos, pero temos poucas baixas.

P: Que facedes cos becerros, cebádelos ou vendédelos pequenos?
R: Os machos véndense pequenos e as femias críanse.

P: Que facedes cos puríns?
R: Déixanse fermentar e despois bótanse nas praderías da explotación, cando as condicións son favorables, e sempre controlando que non estean moi concentrados para non contaminar.

P :Gústavos traballar na granxa? Cantas horas traballades ao día?
R: Sí, gústanos traballar aquí, e traballamos unhas 9 horas ao día.


P: Por que razón non vos dedicades só ao leite e tamén fabricades iogur e queixo?
R: Por tradición familiar, e por sacar un maior rendimento ao leite.











Aquí vemos os lácteos producidos na granxa, así como o envase retornable do leite.




P: Obtedes máis beneficios que se os produtos non foran ecolóxicos?
R: Sí, os produtos ecolóxicos véndense a mellor prezo e dan maior beneficio.

P: Canto beneficio lle sacades a cada litro de leite comparando co que lle pagan a calquera explotación que produza para vender a unha empresa leiteira?
R: O feito de que o leite sexa ecolóxico e ademáis o vendamos transformado, fai que o prezo se multiplique por 2,5 veces con respecto ao prezo dun litro de leite normal e sen transformar. Lóxicamente transformalo en queixo ou iogur tamén ten uns costes, pero segue compensando transformalo e producilo ecolóxico.

P: Por que facedes os envases de leite e de iogur en vidro?
R: Porque é un envase máis natural, que conserva mellor os produtos. Ademáis é facilmente reciclable e tamén reutilizable, xa que a xente que o merca devólveo baleiro e nós descontámoslles uns céntimos polo envase.

P: Cantos queixos e iogures facedes por día? Canto leite se necesita para facer un queixo de 1 Kg?
R: Facemos uns 100 queixos ao día e uns 40 iogures (de 400 ou 700 g) ao día. Necesítanse 10 l de leite para facer un queixo de 1 kg.


P: En que lugares se atopan a vender os vosos produtos?
R: En tendas especializadas en produtos ecolóxicos, como A Cova da Terra, en Lugo, e tamén no Corte Inglés e no Eroski.

P: Que é o ecoagroturismo? En que se diferenza do tursimo rural?
R: É unha modalidade de turismo rural onde hai actividades gandeiras e agrícolas ecolóxicas. O turismo rural convencional só ofrece aloxamento, pero no agroturismo os tursistas participan nas actividades agrícolas, como a recollida de patacas, a malla, o coidado dos animais...

P: Por que decidíchedes montar as casas de turismo, non vos chegaba coa granxa e a fábrica de queixo e iogur?
R: Porque é unha actividade complementaria, é dicir, outra fonte de ingresos, e ademais recupéranse casas abandonadas.






















Aquí vemos varias das instalacións
e actividades do ecoagroturismo.



P: Que tipo de actividades ofrecedes aos turistas? Tedes moitos? De onde proceden?
R: As actividades que ofrecemos son roteiros de sendeirismo, elaboración de queixo e iogur, coidado das vacas, a malla, a sega... Dende que puxemos a funcionar as casas, no verán pasado, case tódolos fins de semán e pontes estivo cheo. Os turistas veñen sobre todo de Galicia, Madrid, Andalucía, Cataluña, Euskadi...Para esta Semana Santa veñen de Bilbao, Barcelona e A Coruña.

P: Cantos postos de traballo tedes en total, entre granxa, fábrica e casas de turismo?
R: Temos 8 postos de traballo en total.

P: Estades satisfeitos co voso traballo e forma de vida? Credes que se vive igual, mellor ou peor que nunha cidade?
R: Estamos moi contentos coa nosa forma de vida, e pola valoración que fai a xente dos nosos produtos e das nosas instalacións. Nós cremos que hai mellor calidade de vida no rural, máis tranquilidade e os alimentos son máis sans. Ademais demostramos que aquí se pode vivir dignamente e hai futuro e traballo para moita xente.

0 Response to "Entrevista aos encargados da Granxa Arqueixal"

Publicar un comentario